05/06/09

FIN DUNHA XEIRA ALEGRE

Xosé Luís Méndez Ferrín

Un día, Eça de Queiroz recompilou certa súa intervención social co título de Uma campanha alegre. Véñenseme ás mentes esas que acabamos de culminar en Galicia para arrecadar o voto popular a Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos. Alegre e clandestina, a nosa campaña, porque se fixo (despois da legalización) coa hostilidade contumaz de todos os medios de comunicación, incluídos os considerados “benévolos” en ocasións anteriores. Había consignas e as consignas executáronse.


Foi un gozo ver como confluían coa FPG grupos, partidos e fraccións ideolóxicas, activistas, individualidades e movementos sociais e culturais de toda Galicia para constituir unha plataforma de apoio que traballou con ímpetu reflexivo. Na FPG sentimos que moitos anos de isolamento, perfectamente deseñado por nos abafar, se convertían en convivencia franca e leal con sectores de independentismo e da esquerda real afíns en profundidade e se cadra conscientes, ou sedentos, de converxencia.

Na FPG sentimos II-SP, desde o intre mesmo no que se constituíu en todo o Estado español, se convertía nun sitio de encontro supranacional no que se daban a man os movementos de liberación nacional e social de Galicia, Euskadi e Países Cataláns co movemento obreiro e popular de esquerda xenuína nos territorios e rexións de España propiamente dita, Madrid incluído (o Madrid heroico de no pasarán) e moito ben representado por Alfonso Sastre, primeiro de todos na lista. O noso grande amigo.

A vasta alianza na que se conxuga o interese da clase obreira (único para todos) e os nosos intereses como nacións asoballadas, sexan cales foren os resultados electorais do domingo que vén, non se disolverán despois das eleccións. Nós queremos que continúe e se robusteza nestas horas de tribulación e de tristura que son os da crise provocada pola voracidade innumerábel do Capital. Un saúdo aos camaradas metalúrxicos en folga.

Eu confío en que a alegría, a combatividade, a boa intelixencia dos feitos, a camaradería que uniu nesta campaña vontades e fragmentos de cousa que estaban separados se prolongue no futuro e o corpo social do independentismo de esquerda (non se coñece outro) saia reforzado e anovado.

Aos sectores do BNG, realmente existentes, que saben que nós temos razón, pedímoslles o voto. Como llo pedimos a outras correntes de pensamento e de acción encadradas partidariamente lonxe de nós pro que tamén saben que nós temos razón. E pedímoslle o voto ás multitudes conscientes do “desastre escuro” ao que nos levou a “cobiza burguesa” (Celso Emilio ven agora no noso auxilio).

Confiamos no noso pobo e confiamos na clase obreira. Estamos ledos porque diante nosa se abre unha porta. Pisemos sen medo a soleira desta porta que nos levará (sempre en Manuel Antonio) Máis Alá ou Alén.


VIVA GALICIA CEIBE E SOCIALISTA!
VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO!