02/06/09

Reflexións sobre Europa



Xosé Luís Méndez Ferrín

Ao termo da segunda guerra mundial comezou a Guerra Fría. En canto a URSS e as democracias populares establecían o Pacto de Varsovia e logo o Comecon. Albania e Iugoslavia, países tamén socialistas, dotábanse de réximes tamén socialistas pro independentes. Esta era unha Europa.

Ao mesmo tempo, os estados da Europa Occidental, a excepción de uns poucos neutralistas, aceptaron a tutela norteamericana e robustecéronse no capitalismo. Norteamérica pasou a protexer a continuidade dos fascismos español e portugués polas garantías de anticomunismo que lle fornecían. Nos restantes países occidentais os EEUU fundaron unha férrea alianza militar antisoviética e anticomunista chamada NATO. Alentaron tamén a construción dunha Europa Occidental unida economicamente e mesmo politicamente sobre bases capitalistas e defrontada ao Leste. Primeiro foi a Comunidade do Carbón e do Aceiro, logo Mercado Común e finalmente a Unión Europea e a moeda única. Esta é outra Europa.

A construción das institucións que desembocaron no Mercado Común tiñan o efecto, para eles beneficioso, de reconciliar as burguesías de Francia, Benelux, Reino Unido e outras coas burguesías alemá e italiana mormente, que estiveran enfrontadas entre si durante a II Guerra Mundial. Esa reconciliación tivo efecto e as institucións europeo-occidentais avanzaron deica a actual UE.

Trátase, a UE, dunha estrutura pura e exclusivamente capitalista, dedicada a orientar os estados membros en políticas produtivas comúns. O funcionamento da UE non é democrático e, do seu Parlamento, non saen verdadeiras leis nin moito menos se elixe un goberno europeo. A UE produce directivas de obrigado cumprimento elaboradas desde a Comisión Europea sen que estas sexan previamente votadas na asemblea de electos que é o Parlamento Europeo.

A UE constitúe un organismo poderoso que nunca chegará, como pensan algúns dos seus defensores, a constituírse en forza propia e independente dos EEUU. No conflito iugoslavo estivo coas máis negras forzas reaccionarias e militaristas, o mesmo que o está nos conflitos de Palestina e de Oriente Medio en xeral.

Queren estas consideracións chegar á conclusión de que non debemos participar nas eleccións ao Parlamento Europeo? Non. Debemos presentarnos a elas e impulsar unha candidatura que poña no Parlamento Europeo deputados e deputadas que representen realmente os intereses da clase obreira e do resto do pobo na circunscripción España, porque entres as carencias democráticas destas eleccións áchase a de que Galicia non pode elixir parlamentarios propios. E isto é máis necesario ca nunca enfronte ás medidas capitalistas neste intre tan duro. Tamén debemos enviar deputados que asuman o dereito de autodeterminación para a independencia que a UE, na práctica, lle recoñece a países do Leste que naceron do asalto ao poder dos anticomunistas e llos nega ás nacións asoballadas de Occidente, como é a nosa.

Se a circuscripción é España, ten sentido incluírmonos na Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos, á cal a FPG aporta a enerxía e a potencia patriótica e anticapitalista de sete deputados e deputadas galegos.


1 de xuño de 2009