09/06/09

Comunicado sobre a posíbel fraude nas eleccións

Estimados compañeir@s:

Estamos vivindo emocións contrapostas. Por unha banda temos que dar os parabéns a tod@s @s nos@s votantes e simpatizantes polo grande apoio que nos deron. Queremos dar os parabéns sobre todo ao pobo vasco, pola súa grande achega en votos e os fantásticos resultados obtidos, converténdonos en terceira forza en Nafarroa e (aínda por confirmar) en terceira forza tamén na Comunidade Autonoma Vasca.

Sentimos non poder escribir antes, pero estivemos analizando os datos dun xeito concienzudo e chegamos á conclusión de que aquí hai datos que non cadran. Aos datos evidentes de transvase de votos en certos pobos de Gipuzkoa, Bizkaia e Nafarroa, onde os nosos votos foron cambiados desde os recollidos na acta até o que aparece no Ministerio do Interior, hai que sumar os abundantes datos de votantes que estamos recibindo a través do correo electrónico. Bastantes votantes dixéronnos que tras depositar o seu voto, en ocasións xunto a toda a familia, na acta ou nos datos do MIR aparecen 0 votos para II. Até temos informes de lecturas doutros partidos onde citan máis datos dos que aporta a web do MIR. Con todo non somos o único partido que sufriu este transvase. Estamos vendo que en realidade existen moitos datos cruzados entre partidos.

Ademais os datos dos Països Catalans son máis que sospeitosos. Moitos cidadáns din votar II e logo viron que non aparecen os seus votos computados, aparecendo transvasados probabelmente ao voto branco ou o nulo. De feito o aumento de voto branco e nulo nos Països Catalans é esaxerado. Supera todo o que se viu até agora e en pobos onde historicamente o independentismo catalán tivo resultados notábeis desapareceron case todos os votos.

Estamos traballando en recoller toda a información que podamos, pero a vosa participación é imprescindíbel. Necesitamos o máis pronto posíbel todas as irregularidades que se detectaron, indicando Municipio e provincia, Distrito e Mesa electoral. Só dese xeito se pode facer algo fronte a este atropelo. Así que por favor poñédevos en contacto co correo web@iniciativainternacionalista.org e enviádenos cantos máis datos podades. Así mesmo nos próximos días informaremos sobre as accións legais que levemos a cabo e os resultados.

05/06/09

FIN DUNHA XEIRA ALEGRE

Xosé Luís Méndez Ferrín

Un día, Eça de Queiroz recompilou certa súa intervención social co título de Uma campanha alegre. Véñenseme ás mentes esas que acabamos de culminar en Galicia para arrecadar o voto popular a Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos. Alegre e clandestina, a nosa campaña, porque se fixo (despois da legalización) coa hostilidade contumaz de todos os medios de comunicación, incluídos os considerados “benévolos” en ocasións anteriores. Había consignas e as consignas executáronse.


Foi un gozo ver como confluían coa FPG grupos, partidos e fraccións ideolóxicas, activistas, individualidades e movementos sociais e culturais de toda Galicia para constituir unha plataforma de apoio que traballou con ímpetu reflexivo. Na FPG sentimos que moitos anos de isolamento, perfectamente deseñado por nos abafar, se convertían en convivencia franca e leal con sectores de independentismo e da esquerda real afíns en profundidade e se cadra conscientes, ou sedentos, de converxencia.

Na FPG sentimos II-SP, desde o intre mesmo no que se constituíu en todo o Estado español, se convertía nun sitio de encontro supranacional no que se daban a man os movementos de liberación nacional e social de Galicia, Euskadi e Países Cataláns co movemento obreiro e popular de esquerda xenuína nos territorios e rexións de España propiamente dita, Madrid incluído (o Madrid heroico de no pasarán) e moito ben representado por Alfonso Sastre, primeiro de todos na lista. O noso grande amigo.

A vasta alianza na que se conxuga o interese da clase obreira (único para todos) e os nosos intereses como nacións asoballadas, sexan cales foren os resultados electorais do domingo que vén, non se disolverán despois das eleccións. Nós queremos que continúe e se robusteza nestas horas de tribulación e de tristura que son os da crise provocada pola voracidade innumerábel do Capital. Un saúdo aos camaradas metalúrxicos en folga.

Eu confío en que a alegría, a combatividade, a boa intelixencia dos feitos, a camaradería que uniu nesta campaña vontades e fragmentos de cousa que estaban separados se prolongue no futuro e o corpo social do independentismo de esquerda (non se coñece outro) saia reforzado e anovado.

Aos sectores do BNG, realmente existentes, que saben que nós temos razón, pedímoslles o voto. Como llo pedimos a outras correntes de pensamento e de acción encadradas partidariamente lonxe de nós pro que tamén saben que nós temos razón. E pedímoslle o voto ás multitudes conscientes do “desastre escuro” ao que nos levou a “cobiza burguesa” (Celso Emilio ven agora no noso auxilio).

Confiamos no noso pobo e confiamos na clase obreira. Estamos ledos porque diante nosa se abre unha porta. Pisemos sen medo a soleira desta porta que nos levará (sempre en Manuel Antonio) Máis Alá ou Alén.


VIVA GALICIA CEIBE E SOCIALISTA!
VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO!


04/06/09

Lembra: hoxe venres Acto Fin de Campaña en Vigo

A partir das 19:00 h. na Praza da constitución de Vigo comezará o Acto de Fin de Campaña da Iniciativa Internacionalista en Galiza: poesía e música acompañarán a militantes sindicais, activistas en defensa da terra, compañeiros de Euskal Herria e integrantes do grupo galego de apoio á Iniciativa que realizarán distintas intervencións. Pechando o acto falará o compañeiro Xosé Luís Méndez Ferrín, número 6 da candidatura.


Estades todas e todos convidad@s! Adiante coa Iniciativa Internacionalista!




Galería de imaxes (II)







Dende a contaminación

Dionísio Pereira

Sabíamolo, de seguro que a maioría sospeitabamolo, pero cando esculcamos “a folla de servizos” de Alfonso Sastre, con especial incidencia no do atentado da rúa do Correo no ano 74, e o seguimento especial a Doris Benegas, facendo mención da súa presenza nos funerais de Iosu Muguruza e Santi Brouard, tivémolo claro: estamos todos e todas fichados e vixiados de vello, se cadra dende antes de morrer Franco, e os que “argallaron” a Transición, que decidiron esquecer tantas cousas, para nada se esqueceron dos que adquirimos o virus da rebeldía hai ben tempo, e que, con todas as nosas contradicións, trasacordos e renuncias, aínda o levamos ben dentro logo dunha borrallenta travesía do deserto de máis de 30 anos.

Algúns e algunhas, asemade, teremos un estigma engadido: o de ter compartido, sequera de maneira episódica, o azaroso “devalar” da esquerda abertzale, única forza social de envergadura que, no Estado español, presentou encirrada resistencia ao que Franco atou e ben atou, e o que, aínda, non fumos quen de desatar. Este acompañamento, por veces desleixado debido a unha maioritaria postura crítica coa loita armada, nunca deixou de lamentar o illamento ao que os revolucionarios vascos foron sometidos, non só polo aparato do estado, en boa medida procedente do franquismo, senón pola inmensa maioría das forzas de esquerda e nacionalistas do resto do actual territorio español, que desprezaron o inmenso aporte combativo e solidario que a historia recente da esquerda abertzale “atesoura”, e non hai máis que lembrar a derradeira folga xeral desenvolvida hai uns días na CAV e Nafarroa.

Co mesmo orgullo con que Doris Benegas declarou no mitin do Anaitasuna de Iruña os seus “vencellos” con Euskal Herría, tamén poderíamos, de xeito moito máis modesto dende logo, rememorar algúns chanzos do noso contaminado roteiro euskaldún. Cando Carrero deu en subir ao ceo alá por nadal do 73, nós botabamos polas tabernas de Compostela co aquilo de “así volaba, así, así...”; cando Alfonso e Genoveva Forest foron detidos e, ela, vilmente torturada, as rúas compostelás escoitaron a nosa denuncia daquela provocación franquista, mais quen non a escoitou foi o PCE, partido no que daquela militaba Sastre; cando os fusilamentos de Hoyo de Manzanares, simbolizados na magoada imaxe xuvenil de Juan Paredes Manot “Txiki”, toda Compostela se paralisou naquel desolado setembro de 1975 ao paso dun “comando” que berraba “Goberno de asasinos, o pobo xulgará”, deixando esnaquizada na súa singradura a entrada do local dos sindicatos verticais; logo, cando “Pertur” foi “desaparecido” na altura de 1976 (como agora Jon Anza), vímonos envoltos nunha manifa de arrantzales en Ondárroa, que, nada máis amarrar os barcos no peirao, encheron as rúas da vila reclamando a aparición do militante abertzale… Anos andados, tras a Transición todo foi, para a nosa sorpresa, moito máis difícil, pero aínda acompañamos a deslexitimación da nova Constitución nas páxinas do xornal “Egin”, e, cando o periódico foi pechado pola brava, retornamos a Donostia para pór o noso grao de area solidario nunha multitudinaria protesta cidadá. Hai pouco tempo, a traverso de amigos comúns, retomamos vellos contactos para colaborar no diagnóstico que a asociación Herria 2000 Eliza fixo do conflito político en Euskal Herría, participando no libro colectivo Soberanías y Pacto, e aínda non fai un ano compartíamos de maneira fuxidía a derradeira etapa vital dun home xeneroso e moi querido na súa Pasaia natal: o antigo alcalde Xabier Portugal, elixido mediados os 90 nas listas de Herri Batasuna, e recentemente falecido.

Ao cabo, teño para mín que ese homiño maquiavélico (é sabido, “home pequeno, fol de veneno”) que atende ao nome de Rubalcaba, non agardaba que houbese tantos “contaminados e contaminadas” que exerceran con valentía un dos mellores valores das esquerdas libertarias e transformadoras: a solidariedade e o apoio mutuo. Unha solidariedade, que a piques estivo de defenestralo do seu gobernativo cargo e de pór en cuestión ese enxendro inquisitorial que ven sendo a Lei de Partidos.

Porque estas son as mellores herdanzas que o proceso de converxencia aberto por Iniciativa Internacionalista, vainos deixar para despois do 7 de Xuño, con ou sen eurodiputada: a vontade de procurar a confluencia dunha morea de persoas que proceden de diversas correntes ideolóxicas, con ou sen militancia partidaria, pero que se consideran desafectas co actual estado de cousas e acreditan en que a loita contra a tiranía do capital vai indisolublemente unida no conxunto do Estado español a unha rexeneración democrática, a unha segunda Transición, que, a carón doutras cuestións indispensabeis como a derrogación da devandita Lei de Partidos e da desmemoriada Lei de Amnistía, a desaparición da Audiencia Nacional, a erradicación da tortura, ou do inaprazable saneamento do aparato do Estado, coloque en primeiro plano a soberanía, o dereito a decidir das nacións que así o reclamen. Unha estratexia que, respectando a soberanía de cada país e de cada colectivo, poña por diante o que nos une antes do que nos separa; unha estratexia que vaia acompañada dunha práctica que xenere rebeldía, ilusión, mutua confianza, e que, “mirando os uns polos outros”, escorrente medos, tenda pontes entre as diversas xeracións de loitadores e loitadoras, e nos leve a recobrar a ledicia de compartillar as pequenas e necesarias vitorias.

En definitiva, se é certo que o gol de Maradona retratou ás claras o xorne antidemocrático e policial do réxime xurdido da Transición e iso non deixa de ser un éxito un chisco inesperado, non o é menos que unha vitoria aínda maior sería amosar nestes días, sequera de maneira parcial e incompleta, como as persoas e os colectivos imos mellorando ao abeiro das loitas que son xustas e compartidas, porque nelas se reflicten as nunca satisfeitas arelas seculares da Humanidade esfolada; porque, a fin de contas, a ética da igoaldade, da liberdade, da solidariedade entre os traballadores e entre os pobos, está moi por riba dos mesquiños intereses do capital e da oligarquía españolista herdeira da brutal Ditadura de Franco e dos seus secuaces.

Velaí as oportunidades que abre a Iniciativa Internacionalista, tamén no noso país, onde estamos ben necesitados de novos espazos de encontro nos que se vexan representadas as capas da poboación que non se conforman cun tépedo autonomismo, coa desfeita do medio natural, coa marxinación dos sinais de identidade propios e coa perda dos seus dereitos civís e laborais como única saída para que o capital poida zafar da crise económica que el mesmo provocou.

Máis nada; na medida das forzas de cada quén; sen pretender posuír verdades absolutas pero convencidos de irmos na boa dirección, Avante, Aurrerá, Endavant, Adelante Iniciativa Internacionalista.

Discurso no Ateneo de Ourense

Xosé Luís Méndez Ferrín

Donas e señoras, compañeiras e compañeiros,


Constitúe para min unha honra poder dirixirvos a palabra neste Ateneo que foi desde a súa fundación ate hoxe un fogar de liberdade, mesmo en épocas de oprobio. E de facelo na cidade na que nacín, da que me levaron na infancia, á que sempre regresei para remover as propias cinsas e me encontra comigo mesmo. Nacín, si, en Ourense, en días de morte e horror e os disparos abalaron o meu berce e eiquí din os meus primeiros pasos cando todo era silencio e sombra, polo que me convirto nun candidato, igual que Alfonso Sastre, que non pode ser separado do máis duro e incomodante da memoria histórica.

Direivos por que o noso partido, a FPG, logo de reflexión interna, decidiu que sete camaradas integrasen a lista de Iniciativa Internacionalista-A Solidaridade entre os Pobos. O noso patriotismo galego, digámolo en primeiro lugar, é un independentismo que considera ós traballadores a clase, integrada por suxeitos ceibes, destinada a liderar o noso proceso de liberación nacional e social. O que fai que a FPG sexa natural e vivencialmente internacionalista. E isto nos leva a incluírnos na candidatura Internacionalista que encabeza un fillo de Madrid, Alfonso Sastre, e na que alén de vascos, persoas dos países cataláns, casteláns, andaluces, canarios e fillos doutras rexións españolas. A Unión Europea e o goberno español impóñenos España como circunscripción electoral. E nós, con Iniciativa Internacionalista, respondemos con España. Iso si, con outra España, con aquela que se identifica cos comuneros e cos movementos obreiros e campesiños e co no pasarán que colocou a nobre villa de Madrid na historia mundial do heroísmo. Esta candidatura, de xeito moi principal, representa o independentismo de esquerda galega, vasca e catalá; pro tamén a España popular republicana e anticapitalista. Eis a novidade de II; eis o por que da nosa presenza e de que esteamos eiquí en Ourense a vos pedir o voto. Non vos pedimos o voto desde unha Galeusca, senón desde unha alianza internacionalista de todos os pobos de España.

E que significa, ademais, esta alianza que, sen dúbida, sobrepasará as eleccións europeas e se prolongará no futuro e nas duras horas de combate obreiro e popular que nos agardan? Principalmente, dúas cousas. Primeiro, II é expresión dunha conciencia e dunha práctica anti-capitalista de dirección racional marxista en tempo de crise terminal do sistema actual de explotación cuase-planetaria. Segundo, II vindica o dereito á autodeterminación das nacións asoballadas, dereito recoñecido polo consenso xurídico internacional e polas Nacións Unidas e negado por España e pola UE da que é parte. En boa medida tamén II é expresión do recoñecemento do dereito á autodeterminación de Galicia, Euskadi e Paisos Cataláns asumido publicamente por traballadores e intelectuais do Estado Español que non son nin galegos nin vascos, nin cataláns. E isto, camaradas e amigos, é verdadeiramente unha “nova fronteira” da conciencia popular. Unha novidade que aos sete candidatos da FPG que integramos II nos enche de ledicia.

Nestes días nos que o galeguismo residual está a momificar ritualmente o cadáver de Ramón Piñeiro, co concurso activo do presidente contra-galego da Xunta, temos que relembrar que a figura á que lle dedicamos ás Letras Galegas foi un anticomunista primordial, un antinacionalista contumaz e un atlantista convencido, alén do verdadeiro “autor” do europeísmo político en Galicia. Co cal resulta case unha obviedade decer que o nacionalismo da FPG naceu e viviu, antes baixo outras denominacións, en latitudes contrarias ao que hoxe chamamos Europa comunitaria ou UE. Sempre nas antípodas de Ramón Piñeiro e dos inocentes que creron, e aínda cren, a UE un talismán que lle devolverá algún día a Galicia a liberdade que non ten e que arela.

Nós estamos contra a UE porque ela, desde as súas xa lonxanas orixes ao abeiro dos EEUU e nunca lonxe da OTAN, se constituíu como organización ao servizo das burguesías europeas antano defrontadas política e militarmente na II Guerra Mundial. Eis o pecado orixinal da UE: ela naceu como acto de reconciliación entre o diñeiro fascista e diñeiro democrático e burgués (sempre é o mesmo diñeiro) europeo para confluír co diñeiro norteamericano actuando de ministro oficiante. Naceu esta Europa contra a Europa da URSS, das democracias populares, de Albania e os pobos de Iugoslavia. E desaparecida a guerra fría, a UE foi belixerante contra os países de Terceiro Mundo que escolleron unha vía propia nacional-popular, favoreceu a violencia capitalista contra os europeos da citada Iugoslavia e contra a nación árabe de Palestina, por poñer só algúns puntos moi concretos.

O Parlamento Europeo é unha entidade mastodóntica arredor da que pululan centos e centos de funcionarios, asesores, asistentes varios, que son obxecto de permanente presión e soborno da parte de infinidade de lobbies económicos. Este Parlamento non dicta verdadeiras leis nin elixe un goberno europeo. Como moito, aceita ou adía directivas que o estamento euroburocrático elabora ao ditado dos intereses reais do sector en cada caso dominante do capital. Os pobos non exercen control ningún sobre o Banco Europeo e os comisarios ou ministros europeos non son interpelados nin teñen que lle render contas ao Parlamento. Todo o cal nos sitúa nunha estrutura, a da UE, oligárquica e anti-democrática na que o Parlamento é unha pantalla que só serve para ocultar a podredume real que aló impera. Algúns chámanlle pudibundamente a isto “déficit democrático” e se declaran prudentemente “euroescépticos”. Nós falamos da UE como estrutura anti-democrática e declarámonos simplesmente inimigos dela pola simple razón de que somos amigos dos pobos de Europa e do Mundo.

Alén diso, sabemos que a UE está integrada polos estados compoñentes. No Parlamento non ten Galicia ningún sitio onde se sentar e os representantes galegos serán oficialmente representantes de España. Só nebulasamente hai espazo para as “rexións”, espazo difuminado no que poden entrar Murcia, o val do Ródano ou do Rhin no mesmo rango que Galicia, Bretaña, Escocia, Cataluña ou Euskadi; estas últimas, mostras citadas a exemplo de nacións que aspiran á Independencia; aínda hai outras. Tamén existe algún organismo dedicado ás linguas minorizadas de Europa, pro non é executivo e no Parlamento Europeo, dito de xeito claro, está prohibido falar galego por moito que Camilo Nogueira maquillase a ofensa dicindo que el alí falou portugués. Para a FPG o galego é o galego e o portugués, no século XXI, é o portugués.

E aínda así, por que concorre a FPG con II a estas eleccións? Vexamos porque vos pedimos o voto para a candidatura da II na que participamos os galegos.

En cada punto do mapa da UE constituíronse candidaturas de esquerda xenuína, anticapitalistas e contrarias a esta Europa non democrática. Nós xa as temos indentificadas e contactadas en boa parte. O noso propósito é o de nos unir con elas na defensa das políticas que a UE trata de impoñer contra os traballadores como é a do aumento da xornada laboral, a directiva Bolkestein, que nós dicimos “Frankestein”, contra a universalización dos dereitos laborais, ou a que está ás portas sobre o aumento da idade de xubilación. Nós encontrarémonos no Parlamento Europeo con todos os representantes auténticos dos obreiros e dos campesiños europeos. Dos alternativos e dos históricos como pode ser o caso do PCP e do Bloque de Esquerda Portugueses.

Tamén noutros espazos de Europa (da nosa Europa, que non é a deles aínda que a cartografía, e só a cartografía, nos una) aparacerán deputados que van ao Parlamento co mandato de facer valer os dereitos das nacións negados polos actuais estados e con carácter nacional-popular e de esquerda. Así mesmo acudiremos ao seu encontro e participaremos comunalmente con eles. Non ligaremos esforzos, como fixo o BNG, cando estivo no Parlamento Europeo, nin coa dereita nacionalista flaminga nin coa dereita nacionalista catalá de CIU, por pór dous exemplos. Farémolo, si que o faremos, cos amigos do Partido Socialista Escocés, por pormos outro exemplo.

Amigos e amigas, camaradas: o que estamos a preparar xa agora é un grupo parlamentario europeo de esquerda anticapitalista que apoie o dereito de autodeterminación dos pobos asoballados da Europa Occidental. O que estamos a pretender é, nin máis nin menos, que o espírito que anima o corpo converxente de II-SP se traslade ao Parlamento Europeo neste tempo de crise. Esta candidatura constitúe unha garantía de que tal cousa vai ser unha realidade.

A FPG é pobre de recursos económicos e está moi orgullosa de ser tamén un partido ao servizo dos que, en palabras de Marx, teñen todo que gañar e nada que perder. Pro non somos pobre en ideas, como non o son outras candidaturas que hoxe piden o voto na mesma dirección histórica na que nós pedimos. E sobre todo (dígoo neste intre no que os traballadores do metal de Pontevedra está a xogarse unitariamente a súa dignidade como persoas) acreditamos nun futuro sen explotación nin nacional nin de clase. Confiamos no pobo e na súa conciencia en días de crise negra para os pobres. Confiamos nos vosos votos para conseguir o que fica relatado.

En casos coma este eu adoito citar unhas palabras de Sempre en Galiza:

"Cremos que a auga doce dos ríos pode facer doce a auga salgada do mar; que a morte enchéndose de vidas será vida; que a nada enchéndose de ilusións será todo. As nosas esperanzas non caben nos lindeiros da razón."

Votade a candidatura de Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos. Votade por vós mesmos.

Viva Galicia Ceibe e Socialista!
Viva o Internacionalismo Proletario!


2 de xuño de 2009

En solidariedade cos traballadores do metal

A candidatura Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos chama á solidariedade da clase traballadora galega cos obreiros do metal de Pontevedra, apoiar as súas mobilizacións e asemade queremos denunciar a implacábel represión policial contra os traballadores e as traballadoras que loitan por manter o seu poder adquisitivo e as súas condicións laborais nun convenio digno.

Mais a patronal e o seu goberno só coñecen a represión, a criminalización, co obxectivo de illar aos metalúrxicos dos seus irmáns de clase, da mesma maneira que tentou frear coa ilegalización a forza da nosa candidatura.

Desde II-SP chamamos a todas as organizacións sindicais e sociais, a rodear de solidariedade a loita do metal que rompa o illamento e a criminalización. A súa vitoria é a vitoria de todos, pois en Galiza hoxe hai moitos conflitos contra as consecuencias da crise (Caramelo, Leite Pascual, EMESA, etc.); e a unidade é o camiño da vitoria.

Toda a solidariedade cos traballadores e as traballadoras do metal.

Viva a loita da clase obreira

Iniciativa Internacionalista-A solidariedade entre os Pobos

Lembra: hoxe xoves mitin en Cangas, Compostela e Ferrol

En Cangas será ás 20:00 h. na Casa da Cultura, en Compostela ás 20:00 h. no Hotel Xelmírez e en Ferrol ás 20:30 h. no Centro Cívico de Caranza.

02/06/09

Lembra: hoxe mércores mitin na Coruña, Pontevedra e Lugo

Na Coruña será ás 19:00 h. no IES Eusebio da Guarda, en Pontevedra ás 20:30 h. no Local Social Revira e en Lugo ás 20:30 h. no Local Social Mádia Leva!.

ADIANTE COA INICIATIVA INTERNACIONALISTA - A SOLIDARIEDADE ENTRE OS POBOS

Reflexións sobre Europa



Xosé Luís Méndez Ferrín

Ao termo da segunda guerra mundial comezou a Guerra Fría. En canto a URSS e as democracias populares establecían o Pacto de Varsovia e logo o Comecon. Albania e Iugoslavia, países tamén socialistas, dotábanse de réximes tamén socialistas pro independentes. Esta era unha Europa.

Ao mesmo tempo, os estados da Europa Occidental, a excepción de uns poucos neutralistas, aceptaron a tutela norteamericana e robustecéronse no capitalismo. Norteamérica pasou a protexer a continuidade dos fascismos español e portugués polas garantías de anticomunismo que lle fornecían. Nos restantes países occidentais os EEUU fundaron unha férrea alianza militar antisoviética e anticomunista chamada NATO. Alentaron tamén a construción dunha Europa Occidental unida economicamente e mesmo politicamente sobre bases capitalistas e defrontada ao Leste. Primeiro foi a Comunidade do Carbón e do Aceiro, logo Mercado Común e finalmente a Unión Europea e a moeda única. Esta é outra Europa.

A construción das institucións que desembocaron no Mercado Común tiñan o efecto, para eles beneficioso, de reconciliar as burguesías de Francia, Benelux, Reino Unido e outras coas burguesías alemá e italiana mormente, que estiveran enfrontadas entre si durante a II Guerra Mundial. Esa reconciliación tivo efecto e as institucións europeo-occidentais avanzaron deica a actual UE.

Trátase, a UE, dunha estrutura pura e exclusivamente capitalista, dedicada a orientar os estados membros en políticas produtivas comúns. O funcionamento da UE non é democrático e, do seu Parlamento, non saen verdadeiras leis nin moito menos se elixe un goberno europeo. A UE produce directivas de obrigado cumprimento elaboradas desde a Comisión Europea sen que estas sexan previamente votadas na asemblea de electos que é o Parlamento Europeo.

A UE constitúe un organismo poderoso que nunca chegará, como pensan algúns dos seus defensores, a constituírse en forza propia e independente dos EEUU. No conflito iugoslavo estivo coas máis negras forzas reaccionarias e militaristas, o mesmo que o está nos conflitos de Palestina e de Oriente Medio en xeral.

Queren estas consideracións chegar á conclusión de que non debemos participar nas eleccións ao Parlamento Europeo? Non. Debemos presentarnos a elas e impulsar unha candidatura que poña no Parlamento Europeo deputados e deputadas que representen realmente os intereses da clase obreira e do resto do pobo na circunscripción España, porque entres as carencias democráticas destas eleccións áchase a de que Galicia non pode elixir parlamentarios propios. E isto é máis necesario ca nunca enfronte ás medidas capitalistas neste intre tan duro. Tamén debemos enviar deputados que asuman o dereito de autodeterminación para a independencia que a UE, na práctica, lle recoñece a países do Leste que naceron do asalto ao poder dos anticomunistas e llos nega ás nacións asoballadas de Occidente, como é a nosa.

Se a circuscripción é España, ten sentido incluírmonos na Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos, á cal a FPG aporta a enerxía e a potencia patriótica e anticapitalista de sete deputados e deputadas galegos.


1 de xuño de 2009

01/06/09

30/05/09

Vídeo electoral da Iniciativa Internacionalista

Solidariedade con Laura

A detención da traballadora da CIG por axudar a traballadores imigrantes pon ao descuberto a verdadeira cara da política do Goberno de ZP, que mentras fala de defender aos traballadores e traballadoras, admite a represión contra aqueles que só se plantexan a defensa dos dereitos dos sectores más explotados e indefensos da clase traballadora, os inmigrantes.

Son estes traballadores e traballadoras os que pola súa indefensión máis sufren os ataques da patronal, rebaixando a xornada laboral, os salarios, coa intención manifesta de buscar a división da clase traballadora, que a debilite fronte ás políticas pro patronais.


A política do goberno español vai en liña coa defendida por Sarkozy e o conxunto da Unión Europea, con Berlusconi á cabeza. Unha liña de maior represión, non só contra os propios traballadores e traballadoras imigrantes, senón tamén contra todos aqueles que solidariamente axudan a conseguir os papeis que lles permitan traballar e vivir aquí.


Son leis como a de estranxería, que está sufrindo sucesivos recortes, ás que pon na obriga de facer todo o necesario para conseguir o que é de xustiza: os papeis para todos e todas.


A candidatura Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos, solidarízase coa traballadora e esixe o sobreseimento da causa que, aínda estando en liberdade, mantense contra ela, alén da derogación de represiva Lei de Estranxería, e chamamos a todas as organizacións sindicais, sociais e democráticas, a expresar a súa solidariedade.