04/06/09

Discurso no Ateneo de Ourense

Xosé Luís Méndez Ferrín

Donas e señoras, compañeiras e compañeiros,


Constitúe para min unha honra poder dirixirvos a palabra neste Ateneo que foi desde a súa fundación ate hoxe un fogar de liberdade, mesmo en épocas de oprobio. E de facelo na cidade na que nacín, da que me levaron na infancia, á que sempre regresei para remover as propias cinsas e me encontra comigo mesmo. Nacín, si, en Ourense, en días de morte e horror e os disparos abalaron o meu berce e eiquí din os meus primeiros pasos cando todo era silencio e sombra, polo que me convirto nun candidato, igual que Alfonso Sastre, que non pode ser separado do máis duro e incomodante da memoria histórica.

Direivos por que o noso partido, a FPG, logo de reflexión interna, decidiu que sete camaradas integrasen a lista de Iniciativa Internacionalista-A Solidaridade entre os Pobos. O noso patriotismo galego, digámolo en primeiro lugar, é un independentismo que considera ós traballadores a clase, integrada por suxeitos ceibes, destinada a liderar o noso proceso de liberación nacional e social. O que fai que a FPG sexa natural e vivencialmente internacionalista. E isto nos leva a incluírnos na candidatura Internacionalista que encabeza un fillo de Madrid, Alfonso Sastre, e na que alén de vascos, persoas dos países cataláns, casteláns, andaluces, canarios e fillos doutras rexións españolas. A Unión Europea e o goberno español impóñenos España como circunscripción electoral. E nós, con Iniciativa Internacionalista, respondemos con España. Iso si, con outra España, con aquela que se identifica cos comuneros e cos movementos obreiros e campesiños e co no pasarán que colocou a nobre villa de Madrid na historia mundial do heroísmo. Esta candidatura, de xeito moi principal, representa o independentismo de esquerda galega, vasca e catalá; pro tamén a España popular republicana e anticapitalista. Eis a novidade de II; eis o por que da nosa presenza e de que esteamos eiquí en Ourense a vos pedir o voto. Non vos pedimos o voto desde unha Galeusca, senón desde unha alianza internacionalista de todos os pobos de España.

E que significa, ademais, esta alianza que, sen dúbida, sobrepasará as eleccións europeas e se prolongará no futuro e nas duras horas de combate obreiro e popular que nos agardan? Principalmente, dúas cousas. Primeiro, II é expresión dunha conciencia e dunha práctica anti-capitalista de dirección racional marxista en tempo de crise terminal do sistema actual de explotación cuase-planetaria. Segundo, II vindica o dereito á autodeterminación das nacións asoballadas, dereito recoñecido polo consenso xurídico internacional e polas Nacións Unidas e negado por España e pola UE da que é parte. En boa medida tamén II é expresión do recoñecemento do dereito á autodeterminación de Galicia, Euskadi e Paisos Cataláns asumido publicamente por traballadores e intelectuais do Estado Español que non son nin galegos nin vascos, nin cataláns. E isto, camaradas e amigos, é verdadeiramente unha “nova fronteira” da conciencia popular. Unha novidade que aos sete candidatos da FPG que integramos II nos enche de ledicia.

Nestes días nos que o galeguismo residual está a momificar ritualmente o cadáver de Ramón Piñeiro, co concurso activo do presidente contra-galego da Xunta, temos que relembrar que a figura á que lle dedicamos ás Letras Galegas foi un anticomunista primordial, un antinacionalista contumaz e un atlantista convencido, alén do verdadeiro “autor” do europeísmo político en Galicia. Co cal resulta case unha obviedade decer que o nacionalismo da FPG naceu e viviu, antes baixo outras denominacións, en latitudes contrarias ao que hoxe chamamos Europa comunitaria ou UE. Sempre nas antípodas de Ramón Piñeiro e dos inocentes que creron, e aínda cren, a UE un talismán que lle devolverá algún día a Galicia a liberdade que non ten e que arela.

Nós estamos contra a UE porque ela, desde as súas xa lonxanas orixes ao abeiro dos EEUU e nunca lonxe da OTAN, se constituíu como organización ao servizo das burguesías europeas antano defrontadas política e militarmente na II Guerra Mundial. Eis o pecado orixinal da UE: ela naceu como acto de reconciliación entre o diñeiro fascista e diñeiro democrático e burgués (sempre é o mesmo diñeiro) europeo para confluír co diñeiro norteamericano actuando de ministro oficiante. Naceu esta Europa contra a Europa da URSS, das democracias populares, de Albania e os pobos de Iugoslavia. E desaparecida a guerra fría, a UE foi belixerante contra os países de Terceiro Mundo que escolleron unha vía propia nacional-popular, favoreceu a violencia capitalista contra os europeos da citada Iugoslavia e contra a nación árabe de Palestina, por poñer só algúns puntos moi concretos.

O Parlamento Europeo é unha entidade mastodóntica arredor da que pululan centos e centos de funcionarios, asesores, asistentes varios, que son obxecto de permanente presión e soborno da parte de infinidade de lobbies económicos. Este Parlamento non dicta verdadeiras leis nin elixe un goberno europeo. Como moito, aceita ou adía directivas que o estamento euroburocrático elabora ao ditado dos intereses reais do sector en cada caso dominante do capital. Os pobos non exercen control ningún sobre o Banco Europeo e os comisarios ou ministros europeos non son interpelados nin teñen que lle render contas ao Parlamento. Todo o cal nos sitúa nunha estrutura, a da UE, oligárquica e anti-democrática na que o Parlamento é unha pantalla que só serve para ocultar a podredume real que aló impera. Algúns chámanlle pudibundamente a isto “déficit democrático” e se declaran prudentemente “euroescépticos”. Nós falamos da UE como estrutura anti-democrática e declarámonos simplesmente inimigos dela pola simple razón de que somos amigos dos pobos de Europa e do Mundo.

Alén diso, sabemos que a UE está integrada polos estados compoñentes. No Parlamento non ten Galicia ningún sitio onde se sentar e os representantes galegos serán oficialmente representantes de España. Só nebulasamente hai espazo para as “rexións”, espazo difuminado no que poden entrar Murcia, o val do Ródano ou do Rhin no mesmo rango que Galicia, Bretaña, Escocia, Cataluña ou Euskadi; estas últimas, mostras citadas a exemplo de nacións que aspiran á Independencia; aínda hai outras. Tamén existe algún organismo dedicado ás linguas minorizadas de Europa, pro non é executivo e no Parlamento Europeo, dito de xeito claro, está prohibido falar galego por moito que Camilo Nogueira maquillase a ofensa dicindo que el alí falou portugués. Para a FPG o galego é o galego e o portugués, no século XXI, é o portugués.

E aínda así, por que concorre a FPG con II a estas eleccións? Vexamos porque vos pedimos o voto para a candidatura da II na que participamos os galegos.

En cada punto do mapa da UE constituíronse candidaturas de esquerda xenuína, anticapitalistas e contrarias a esta Europa non democrática. Nós xa as temos indentificadas e contactadas en boa parte. O noso propósito é o de nos unir con elas na defensa das políticas que a UE trata de impoñer contra os traballadores como é a do aumento da xornada laboral, a directiva Bolkestein, que nós dicimos “Frankestein”, contra a universalización dos dereitos laborais, ou a que está ás portas sobre o aumento da idade de xubilación. Nós encontrarémonos no Parlamento Europeo con todos os representantes auténticos dos obreiros e dos campesiños europeos. Dos alternativos e dos históricos como pode ser o caso do PCP e do Bloque de Esquerda Portugueses.

Tamén noutros espazos de Europa (da nosa Europa, que non é a deles aínda que a cartografía, e só a cartografía, nos una) aparacerán deputados que van ao Parlamento co mandato de facer valer os dereitos das nacións negados polos actuais estados e con carácter nacional-popular e de esquerda. Así mesmo acudiremos ao seu encontro e participaremos comunalmente con eles. Non ligaremos esforzos, como fixo o BNG, cando estivo no Parlamento Europeo, nin coa dereita nacionalista flaminga nin coa dereita nacionalista catalá de CIU, por pór dous exemplos. Farémolo, si que o faremos, cos amigos do Partido Socialista Escocés, por pormos outro exemplo.

Amigos e amigas, camaradas: o que estamos a preparar xa agora é un grupo parlamentario europeo de esquerda anticapitalista que apoie o dereito de autodeterminación dos pobos asoballados da Europa Occidental. O que estamos a pretender é, nin máis nin menos, que o espírito que anima o corpo converxente de II-SP se traslade ao Parlamento Europeo neste tempo de crise. Esta candidatura constitúe unha garantía de que tal cousa vai ser unha realidade.

A FPG é pobre de recursos económicos e está moi orgullosa de ser tamén un partido ao servizo dos que, en palabras de Marx, teñen todo que gañar e nada que perder. Pro non somos pobre en ideas, como non o son outras candidaturas que hoxe piden o voto na mesma dirección histórica na que nós pedimos. E sobre todo (dígoo neste intre no que os traballadores do metal de Pontevedra está a xogarse unitariamente a súa dignidade como persoas) acreditamos nun futuro sen explotación nin nacional nin de clase. Confiamos no pobo e na súa conciencia en días de crise negra para os pobres. Confiamos nos vosos votos para conseguir o que fica relatado.

En casos coma este eu adoito citar unhas palabras de Sempre en Galiza:

"Cremos que a auga doce dos ríos pode facer doce a auga salgada do mar; que a morte enchéndose de vidas será vida; que a nada enchéndose de ilusións será todo. As nosas esperanzas non caben nos lindeiros da razón."

Votade a candidatura de Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos. Votade por vós mesmos.

Viva Galicia Ceibe e Socialista!
Viva o Internacionalismo Proletario!


2 de xuño de 2009