24/05/09

Crónica do acto público de solidariedade coa Iniciativa


O pasado xoves, antes de coñecerse a resolución do Tribunal Constitucional a favor da candidatura de Iniciativa Internacionalista, tiña lugar en Vigo un multitudinario acto baixo a consigna Non á Ilegalización.

Moderado por Mariano Abalo, Secretario Xeral da FPG, o acto contou coa presenza de múltiples asistentes e, como o escritor Gustavo Luca de Tena fixo ver nada máis comezar, co apoio en sinaturas de todo o país. Estiveron presentes tamén, candidat@s galeg@s de Iniciativa Internacionalista como X. L. Méndez Ferrín, Xan Carballo, Ricardo Castro Buerger, Cati Martínez Collazo, Manolo Besteiro e Cesar Lago, de entre os que tomaron a palabra os dous primeiros. Alén diso, no discorrer do acto deixáronse oír as voces de militantes doutras agrupacións como Lois Pérez Leira, de Nova Esquerda Socialista; Miguel Anxo Abraira, de Movemento pola Base; Oscar Gomes, de Espaço Irmandinho; e Xosé Collazo, do Partido Comunista do Povo Galego.

A loita contra a Europa do capital e contra o fascismo que oprime aos pobos, marcou a liña xeral do acto e dos discursos que se escoitaron, nos que o seo da esquerda real se ofrece como o berce da loita xusta e coordinada entre os pobos oprimidos que, coma o noso, buscan unir as súas forzas, coordinar os seus esforzos, e loitar contra a criminalización de II-SP, a iniciativa que permite pór en común estes obxectivos.

Tras o remate do acto, pechado pola intervención de Méndez Ferrín, coñecíase que o Tribunal Constitucional viña de declarar, contradicindo a sentenza do Tribunal Supremo, non ilegal a candidatura de Iniciativa Internacionalista. A sensación agridoce de ser unha sentenza que depende das dinámicas de xogo do Estado español e non das razóns fundamentais polas que esta iniciativa debe poder concurrir ás eleccións europeas, mestúrase coa ilusión de defender un proxecto lexítimo e coherente que ten a encomenda de empezar a facerse ver.

Por outro lado, desde o grupo galego de apoio á Iniciativa Internacionalista queremos agradecer aos centos de persoas que asinaron individualmente contra a ilegalización, nun acto de solidariedade e valentía que amosa ben ás claras a dignidade do noso Pobo, así como agradecer tamén ás distintas organizacións que de unha ou outra maneira nos fixeron chegar durante estes días o seu ánimo e apoio. Para todos e todas unha aperta revolucionaria.